Santiago Lago presentou na Zona Franca o libro ‘Galicia ante o espello. Mitos, realidades e retos económicos’

Santiago Lago Peñas destacou hoxe que «Galicia protagonizou o maior avance en renda por habitante de España no que levamos de século sen aumentar poboación, unha anomalía positiva que non logrou ningunha outra comunidade». «No ano 2000 estabamos no furgón de cola e hoxe somos a novena comunidade autónoma en renda por habitante», concretou. 

Lago Peñas, economista, catedrático de Finanzas Públicas da USC e director do Foro Económico de Galicia e de Ideagov, presentou hoxe, coa colaboración da Zona Franca de Vigo, o libro «Galicia ante o espello. Mitos, realidades e retos económicos», que recolle os seus traballos elaborados entre 2021 e 2025 para o Informe ARDÁN da Zona Franca. Na presentación estivo acompañado por David Regales, delegado da Zona Franca e autor do prólogo do libro; Susana Lama, responsable do ARDÁN na Zona Franca, e Daniel Hermosilla, CEO do grupo Rodiñas. 

David Regades puxo en valor «a importancia de coñecer ben o contexto económico con libros como o de Santiago Lago para anticiparnos ao seu impacto na sociedade», e Susana Lama destacou «a contribución de Santiago Lago para que o ARDÁN sexa un referente no coñecemento do tecido empresarial galego». Daniel Hermosilla, de Rodiñas, considera que «Galicia necesita un novo relato económico que non temos que inventar, xa temos numerosas empresas e sectores que xeran moito valor engadido e emprego», apostando «por ter unha maior confianza nas nosas posibilidades».

Empresas familiares

Na presentación do libro, Santiago Lago lembrou que «a pandemia golpeounos menos que ao resto de España» e que «o éxito de Galicia ten nome propio: as empresas familiares que compiten no mundo sen marcharse de aquí».

«A produtividade galega xa iguala a media española, era impensable hai vinte anos; e en benestar e calidade de vida estamos na media europea, pero en innovación e competitividade seguimos no tercio baixo, esa fenda hai que pechala», afirmou.

«Necesitamos máis I+D, empresas máis grandes e mellor uso da dixitalización para resolver carencias estruturais e manter o avance das últimas décadas», explicou.

Retos

Entre os temas pendentes, Lago apuntou que 2Galicia é unha das rexións europeas con máis xornadas laborais perdidas por absentismo. Hai que abordalo dentro do diálogo social, hoxe en marcha dun xeito único en todo o mapa autonómico», e con respecto á crise demográfica, manifestou que «o envellecemento non é só un problema de pensións. É un problema de futuro colectivo». Por último, fixo tamén referencia a que «temos que avanzar en planeamento e ordenación do territorio, así como en aproveitamento dos recursos endóxenos».

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio